Foto: ©Trevor

Crieime entre dúas pequenas aldeas das provincias de Ourense e Pontevedra, onde o viño e as viñas sempre formaron parte da vida cotiá. Algún día fun enxeñeiro de telecomunicacións, aínda que creo que neste momento non sabería nin instalar o wifi na miña propia casa. Especialiceime en márketing estudando en diferentes escolas de negocios e traballando na banca durante case dez anos. Por aquel entón o viño xa me conquistaba, empezara a formarme no ano 2007 e a viaxar para coñecer as viñas do mundo: California, Arxentina, Sudáfrica, Italia, Francia, Alemaña..

En 2010 decidimos fundar o Instituto Galego do Viño e ofrecer en Galicia formación especializada para os profesionais do viño. Unha experiencia fantástica que me convenceu de que o viño era a miña vida e que debía abandonar a miña cómoda cadeira no banco para poder dedicarlle todo o meu tempo. Non foi unha decisión sinxela pero permitiume formarme a nivel internacional a través do Wine & amp; Spirit Education Trust.

Galicia. wine é o penúltimo paso deste camiño. Un medio para compartir contigo a paixón por esta terra e polo viño a través de cursos e viaxes, de maneira sinxela e divertida. Unha forma de vivir moito máis próxima á natureza e á xente… se che apetece acompañarme, será un pracer descubrilo xuntos.

Jorge Vila, director.

* Se queres consultar o meu currículo, pica aquí.

         Rúa do Pazo, 8
         36208 Vigo
         España-Spain
Síguenos nas redes sociais!

Galicia.wine